30 Apr 2012

Esta semana SESIÓN FORMATIVA no programa "A Arte da Argumentación"

  Será na biblioteca do centro o xoves día 3 en horario de tarde (16.30-18.00) Durante o transcurso da mesma aprenderanse aspectos básicos sobre a argumentación e deseñarase un programa de radio que se ha gravar a vindeira semana na Radio Municipal da Guarda.


PROGRAMA:::


Xoves 3 de MAIO

16.30h-18.00h Sesión formativa “A ARTE DA ARGUMENTACIÓN” [biblioteca do IES A Sangriña]

Manuel Rosende e Beatriz Tourón (profesores da área lingüística do IES A Sangriña)

Actividade dirixida a crear un programa radiofónico onde aprender aspectos sobre a arte da argumentación para facer a seguinte saída práctica á radio municipal.



Mércores 9 de MAIO

17.00h-18.30h CREACIÓN DUN PROGRAMA RADIOFÓNICO [estudios da Radio Municipal da Guarda – Saída e regreso desde o IES A Sangriña]

Manuel Rosende (Coordinador do proxecto)

Visita á Radio Municipal da Guarda para a realización dun programa radiofónico en base á arte de argumentar.



Xoves 31 de maio

16.30h- 18.00h charla “ARGUMENTACIÓN E MERCADOTECNIA NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN DE MASAS” [biblioteca do IES A Sangriña]

Beli Martínez Martínez (Universidade de Vigo) profesora de “Guión, produción. e realización de programas ficción” e “Teoría e técnica do documental”
Charla para coñecer como funciona a mercadotecnia no ámbito audiovisual, técnicas de argumentación para a promoción comercial. A argumentación ao servizo da economía.

26 Apr 2012

Visita da "arte da argumentación" á RADIO MUNICIPAL DA GUARDA:::

Tal e como estaba previsto, "a arte da argumentación" achegouse esta tarde ás intalacións da Radio Municipal da Guarda para coñecer de primeira man o seu funcionamento, alí recibiunos Guille Pérez e Victor Lomba e explicáronnos todos os detalles de como se coce esta emisora.
Tivemos oportunidade de escoitar un anaco do seu programa "o microondas". Dentro de dúas semanas participaremos novamente na radio, desta volta coa elaboración dun programa sobre a argumentación.

Se queredes escoitar a Radio Municipal da Guarda sintonizade o 107.8fm ou entrade nesta páxina e dádelle ao play, pois emiten vía internet para todo o planeta.



HOXE o IES A SANGRIÑA visita a RADIO MUNICIPAL DA GUARDA:::


Hoxe, ás 17.00h e ata as 18.30h o grupo de "a arte da arugumentación" do noso centro realizará unha visita didáctica á RADIO MUNICIPAL DA GUARDA. Os estudios da mesma atópanse no Centro Cultural da vila, na mesma Avda de Portugal na que está o centro. Alí recibirános  Guille Pérez Lomba que é o responsable da radio local. O obxectivo desta saída é coñecer o funcionamento da radio municipal e participar nunha gravación. Esta experiencia servirá para prepararse de cara á participación nun programa dentro de dúas semanas.


A sesión da semana anterior serviu para introducirse no mundo dos  medios de comunicación e coñecer de primeira man unha web informativa local, INFOMIÑO.
Nas próximas sesións haberá unha xornada para a formación na Arte da Argumentación e así preparar a participación novamente nun programa na radio municipal e tamén está prevista a visita de Beli Martínez quen falará do mundo da publicidade e da ligación da argumentación cos produtos a vender nos medios.

19 Apr 2012

O grupo de 4º ESO investiga na Universidade de Vigo


O alumnado de 4º ESO participante no proxecto “MAR DE COÑECEMENTO” desenvolveu unha xornada de traballo no laboratorio de sedimentoloxía do Profesor Dr. Miguel Nombela da Facultade de Ciencias do Mar e Bioloxía. O proxecto, froito da colaboración do IES A Sangriña co Campus do Mar, desenvólvese dentro dos contratos programa.
Os alumnos e alumnas afondaron na caracterización dos sedimentos das praias de Lamiña, Puntal-Muíño e Area Grande. Os estudos realizados centráronse en tres actividades:
            1.- Análise granulométrico mediante peneirado por vía seca
            2.- Calcimetría mediante valoración gasométrica
            3.- Determinación dos constituintes dos sedimentos mediante estimación visual á lupa binocular.