11 Jun 2017

Primeiras Xornadas de Medio Ambiente

O Dpto de Bioloxía e Xeoloxía do IES A Sangriña organizou as Primeiras Xornadas de Medio Ambiente, "A conservación do medio litoral. O reto do cambio climático", o 7 e 8 de xuño.




As Primeiras Xornadas de Medio Ambiente desenvolvéronse ó abeiro da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño). Durantes os dous días das xornadas, o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato expuxeron os seus traballos realizados ó longo do ano, centrados no estudo do ecosistema dunar. Asistiron ademáis persoas especialistas na conservación e estudo da Natureza:

Agustín Ferreira. Fundador e mebro activo do grupo naturalista ANABAM.
Emilio Suárez. Catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo.
Benito Alonso. Mariñeiro xubilado.
Xabier Vázquez. Biólogo e asesor medio ambiental.



O 7 de xuño o alumnado de 4º ESO presentou o estudo das dunas da Lamiña. Como elaborar un perfil topográfico do perfil de praia, como varían algúns parámetros físicoquímicos (pH e salinidade) ó longo do perfil e como se distribúen as plantas dunares ó longo do perfil.



 Agustín Ferreira, falounos das especies ameazadas no Baixo Miño aportando evidencias de como a actividade humana eliminou determinadas especies do noso entorno ou como as poboacións se viron drásticamente afectadas nos últimos anos debido ó cambio climático.



Emilio Fernández falounos dos cambios que sufre o océano por causa do cambio climático.  Aportou evidencias científicas do efecto que a emisión de gases de efecto invernadoiro pola queima de combustibles fósiles está a producir nos océanos: o aumento de temperatura dos océanos, o aumento da acidez das augas oceánicas, a diminución de osíxeno na auga do mar e, en definitiva as consecuencias que estes cambios producirán sobre o aproveitamento dos recursos mariños.



O 8 de xuño, alumnado de 1º de Bacharelato faláronnos da importancia dos espazos naturais protexidos, en concreto do Parque Nacional das Illas Atlánticas, dos seus valores naturais e da importancia da súa conservación.



Benito Alonso falounos do aproveitamento sostible dos recursos mariños en contraposición con outros métodos de extracción masiva e de gran impacto no medio e na sociedade. Así mesmo falounos da contaminación das augas continentais e oceánicas e da construcción de infraestructuras que dificultan a supervivencia das especies acuícolas.



Xabier Vázquez falounos do lobo, da súa bioloxía, da importancia da súa conservación e do conflicto social creado en torno a esta especie.

Durante toda esta semana estiveron expostos no recibidor do instituto os traballos do alumnado. A representación a escala do perfil topográfico da praia da Lamiña, as láminas deitas polo alumnado de Debuxo Artístico de 1º de Bacharelato, os posters coa información dos traballos de investigación e unha exposición de resíduos atopados en 500 metros de costa na zona da Lamiña.







As Primeiras Xornadas de Medio Ambiente son a conclusión de todo un traballo que se veu desenvolvendo por un Grupo de Traballo de Profesorado de Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias aplicadas á Actividade Profesional, 2ª Lingua estranxeira-Portugués e Debuxo Artístico co obxectivo de deseñar proxectos orientados á introducción da avaliación por competencias no curriculum durante o curso 2016/2017. A participación do IES A Sangriña nos Contratos Programa dentro da accións da mellora das competencias para acadar a excelencia, coordinados polo Profesor de Bioloxía Juan Hermida, dende hai anos, permitíu o desenvolvemento de traballos de investigación escolar que van aportando datos científicos do noso contorno.




24 Apr 2017

Visita ó AQUAMUSEUM de Vilanova de Cerveira

Un grupo multidisciplinar de alumnos e alumnas de 4 º de ESO, acompañados polos profesores Mª Luisa Guerra e Juan Hermida, visitaron o Aquamuseum de Vilanova de Cerveira.



Os alumnos e alumnas visitaron as instalación do museo onde se poden ver  as distintas especies de animais que poboan o esteiro do río Miño. Asimesmo puidéronse achegar ás artes tradicionais de pesca de especies de enorme importancia económica nesta zona tales como a anguía ou a lamprea.

















A visita incluíu tamén unha saída nunha embarcación polo esteiro, guiada polo biólogo Dr. Carlos Antunes, onde puideron ver os distintos aparatos que os investigadores utilizan para o estudo do medio mariño (sonda multiparamétrica, botella Nansen ou mallas para plancton).

 Ante todo SEGURIDADE!









 
  Unha panorámica da vexetación de ribeira!




Larva leptocephalus. A anguía desova no mar dos argazos, nas costas de México. Dende alí e unha vez que eclosionan os ovos, as larvas viaxan a través do océano atlántico ata as costas galegas en forma larvaria.
Crese que a viaxe lles leva 2 anos!!!


Fase de angula. Unha vez que as larvas leptocéphalus acadan a plataforma continental de Galicia sufren a súa primeira metamorfose, convertíndose en angulas. Así remostan os ríos ata acada o estado adulto. Os embalses nos cursos fluviais dificultan o remoste destes organismos, cortando así os fluxos migratorios deste tipo de especies.

Sonda multiparamétrica. Esta sonda posúe varios sensosres que ó ser introducida na auga pode recoller información acerca da temperatura, pH, conductividade e salinidade da auga.

  A botella Nansen permite tomar mostras de auga a diferentes profundidades e poder realizar así medidas no laboratorio.
A malla de plancton permite recoller organismos acuáticos para o seu estudo no laboratorio.

O esteiro do río Miño está a sufrir profundas transformacións que afectan ó estado de conservación do seu estado natural. A construcción de embalses ó longo do río afecta á bioloxía das especies migratorias tales como o salmón, a anguía ou a lamprea. Tamén a introducción de especies alóctonas supón a desaparición das especies autóctonas e a diminución da biodiversidade. A presencia destas novas especies vese favorecida ademáis polo cambio climático que favorece o desenvolvemento destas novas especies á vez que as especies adaptadas a estas augas se desplazan a latitudes máis ó norte en busca de augas máis frías.

Corbicula flaminea. Especie invasora procedente de Asia. Esta especie posúe unha elevada taxa reproductiva e invade os areais eliminando as especies autóctonas.

Chegáronse a recoller 4 millons por metro cadrado!!!